Nun futuro próximo no que as humanidades están mortas, Alexandre Ossorio, profesor de linguas xubilado de avanzada idade, vive un retiro anódino. Cando pasa as vacacións de verán en Portogrís, unha das vilas costeiras na que adoita languidecer, afronta o aburrimento embarcándose nunha excursión marítima desas nas que regalan mexillóns e viño branco. Unha pequena viaxe cun destino moi concreto: a illa Galana. En illa Galana nada é o que semalla. Amosa un panorama estraño no que os seus habitantes viven entre a esperanza, a claustrofobia e o terrible. Un cadro no que a peza principal son uns seres chamados "Os Cultivadores", considerados monos de feira ou pezas dun museo dos horrores, pero que en realidade son moito, moito máis...
Esta semana é ‘Anoitece en Vulgaria’, de Jorge Emilio Bóveda, o título que nos propón coñecer Armando Requeixo.
‘Anoitece en Vulgaria’ (Toxosoutos) é unha novela que acontece nun futuro próximo (2054) e nun momento en que se produciu xa a Época do Corte, unha etapa en que as humanidades caeron definitivamente no arrombamento e só os saberes tecnolóxicos e a practicidade son ben considerados.
Nese contexto, un ancián galego apúntase a unha excursión en transbordador a unha imaxinaria Illa Galana, próxima á costa da Rías Baixas, onde descobre unha sociedade peculiar cuxo centro son os Cultivadores, individuos que se dedican a ‘cultivar’ a creación e o estudo desas humanidades anuladas socialmente, o que os converte en seres que son amosados aos turistas como unha rareza. Pouco a pouco o ancián descubrirá que nesta illa, aparentemente calma e idílica, se agochan tamén non poucos segredos.