DESERTO GARCÍA

UNHA HISTORIA AO OESTE

Deserto García (Galaxia) é unha narración de tremendismo rural con adubíos de western galaico e policial sui generis. Un garda civil prexubilado decide retirarse á remota aldea de Loirás, onde os seus devanceiros tiñan unha casa medio abandonada, e desconectar así da súa vida anterior. Mais no reducido e abafante círculo paisano a súa chegada non é ben recibida e pronto van xurdir as complicacións coa veciñanza, ao tempo que unha escura ameza do seu pasado se fai presente e pon en xogo a súa vida. Non tardará en descubrir que nada é o que parece, que a violencia invade corredoiras e leiras, as ruindades inzan por toda parte e o beatus ille horaciano non é senón unha idealización enganosa. (Armando Requeixo)

Texto completo da crítica:

Trama superficial

Entre o policial e o western

Do mesmo xeito que a semana pasada nos referiamos a Red Lion, de María Alonso, como novo membro do xénero negro, o mesmo temos que dicir agora de Deserto García. Trátase dunha historia ao oeste, neste caso da autoría de Jorge Emilio Bóveda, que comparte coa anterior a impartición do ensino do inglés, co que, en certa medida, veñen enlazar os dous, tamén, coa tradición do negro británico, ou máis ben de elementos recollidos daquel, que en certos aspectos se deixa notar en ambos. E todo isto a pesar de que o autor afirma tentar facer literatura allea a etiquetas, cousa que se evidencia en composicións estrañas e en certa medida fantásticas na súa xa non pequena obra literaria.E, en efecto, a novela sitúase a medio camiño entre a novela policíaca e a narrativa do xénero western, e nela podemos percibir os trazos antes adiantados: ficción e fantasía, retrato real dunha realidade social cruel desposuída das características máis humanas.

 

Un garda civil retirado, Desiderio García, volve á casa familiar, nun lugar remoto chamado Loirás, querendo afastarse do pasado. A súa chegada non senta ben no lugar, en declive poboacional e avellentado, onde non é ben recibido, onde se sente vixiado e mesmo acosado, tanto como para durmir coa pistola á man.

 

O novo habitante desequilibra a monotonía do lugar, que ten como centro a tenda-bar, desde onde vai e vén a vida social e noticieira, á que non se quere incorporar Desiderio, que prefire habitar o seu propio deserto, aillado dos demais, desequilibrando a aldea, verdadeira protagonista, en declive habitacional. Diálogos esvaídos, capítulos abreviados, personaxes a medio definir, unha trama superficial? todo disposto para que descubras as intrigas e enredos que acontecen ao longo da novela.

 

 

BÓVEDA, Jorge Emilio, Deserto García, Ed. Galaxia, Vigo, 2029, PVP. 14, 70 ?

 

ALGUNHAS PRESENTACIÓNS