CAIXA "B"

 

Pastor Páez, detective con formación en letras, viaxa a Sanvento para facer un seguimento de Vicente Otero Risco e da súa familia. O obxectivo é cubrir un informe sobre a desaparición dunha cantidade de cartos da caixa B dunha empresa construtora na que Otero Risco traballou.


O informe de Páez irá pondo en evidencia a maquinaria da sociedade en varios dos seus estratos, á vez que se desenvolve en torno a eles unha trama insospeitada.

 

 

 

Caixa B, con ese detective algo narcoléptico chamado Pastor Páez, afeccionado a ler biografías de Einstein ou Martin Luther King, vai sobrada de humor e dobres sentidos: un material propio de mentes perigosas. Acompañalo na súa investigación introdúcenos nun curioso escenario onde somos asaltados por constantes xogos de palabras que incitan á gargallada, como a presenza dun grupo heavy, por exemplo, que se fai chamar Hallopezzia. Estaría ben saber de onde extrae Jorge Emilio Bóveda todo ese arsenal de ocorrencias que van estoupando en cada páxina da novela, coma se lle queimasen os explosivos nas mans e tivese que desfacerse deles en beneficio do lector. Porque ten moito mérito ser un escritor perigoso. Pero ser perigoso e divertido á vez —o cantante de Hallopezzia tocou a guitarra rítmica con Barón Munchausen—, está ao alcance dos máis perniciosos.

 

Diego Ameixeiras.

 

DENTRO DA CAIXA "B"

Francisco Javier Fontenla García

 

O noso compañeiro e mestre Jorge Emilio Bóveda volveu escribir unha magnífica novela, que nesta ocasión foi publicada pola editorial Toxosoutos co título Caixa B. Comezarei esta reseña cunha breve presentación do argumento, procurando non facer (moitos) “spoilers”.

 

Un tal Vicente Otero Risco (home pouco intelectual, malia as referencias literarias do seu nome) róuballe uns cartos ao seu antigo patrón, que está na cadea por mor das súas actividades ilícitas. Pero este sospeita do seu subordinado e ponse en contacto cunha axencia de detectives para investigar os seus movementos. A devandita axencia confíalle esa misión ao antiheroico heroe da novela: Pastor Páez, detective privado con pinta de esmoleiro e gran amor polos libros (outra das súas características máis salientables é a súa tendencia a quedar durmido, algo que en principio non parece moi axeitado para un home cuxo oficio consiste en observar). Pola súa banda, Otero, agora que ten cartos, decide viaxar coa súa familia á localidade turística de Sanvento (obvia referencia a certa vila do Salnés). Desgraciadamente, o tempo non acompaña e os turistas terán que buscar alternativas para pasar o tempo (iso si, procurando gastar o menos posible, pois unha cousa son os cartos e outra as ganas de gastalos). A familia Otero está formada polo pai (home avarento, groseiro e de poucas luces, que desconfía mesmo dos seus propios parentes), pola súa muller Xonxa (ama de casa insatisfeita) e pola nena Mencía, o único membro da familia con inquietudes intelectuais (unha especie de Lisa Simpson incomprendida polos seus materialistas proxenitores). Arredor desta familia móvese discretamente Pastor Páez, pero tamén certos personaxes da vila, que coñecen a existencia dos cartos roubados e tentarán facerse con eles, polas boas ou polas malas.

 

Esta novela é, en primeiro lugar, unha parodia da novela policial, quizais menos festiva que as obras semellantes escritas por Eduardo Mendoza, mais non por iso menos divertida. Por suposto, tamén é unha novela humorística: coma en case tódalas novelas de Jorge, atopamos boas doses de humor, incluíndo os
seus típicos xogos de palabras, cos que desata a hilaridade do lector parodiando nomes archicoñecidos (Mercamona, Porca Ventura, Leroi Merdin, etc). E tamén ten moito de sátira social, presentando unha visión sutilmente esperpéntica dunha sociedade dominada polo materialismo, a mentira e a mesquindade. Agás uns poucos personaxes, como o propio Pastor Páez e a nena Mencía, os homes e mulleres que atopamos nas rúas de Sanvento son seres vulgares, cando non verdadeiros delincuentes, mergullados nunha espiral de ladróns que tentan roubar a outros ladróns.

 

Unha cousa curiosa da novela é o paralelismo que se establece entre as lecturas de Pastor (quen, malia as súas obrigas laborais e a súa tendencia ao sono semella capaz de ler calquera libro nun só día) e as vivencias da familia Otero, coma se nesta novela tivera absoluta validez o axioma de Oscar Wilde de que a realidade imita á ficción. Vou mencionar uns cantos exemplos, que escribo de memoria e sen seguir necesariamente a súa orde de aparición no texto:


-Pastor le unha biografía de Martin Luther King e Otero abusa dun vendedor ambulante de raza negra.


-Pastor le unha biografía de Johannes Gutenberg e os membros da familia Otero visitan unha feira de libros de segunda man, que “casualmente” leva o nome do célebre inventor alemán.


-Pastor le A república de Platón e os membros da familia Otero visitan unhas covas onde hai pinturas rupestres e reliquias prehistóricas… que resultan ser simulacros, coma as sombras da caverna platónica.


-Pastor le A Odisea e os membros da familia Otero acaban, de rebote, vendo no cine unha adaptación das aventuras de Ulises.


-Pastor le a biografía de Xesús e os membros da familia Otero van a misa, basicamente porque non teñen outra cousa que facer.


-Pastor le a Conan Doyle e os membros da familia Otero atopan un ladrón no seu apartamento alugado. Aparte diso, o propio Pastor será mordido por un can, propiedade dun mozo cuxo nome lembra a Hugo Baskerville.


-Noutra ocasión o paralelismo non afecta directamente aos Otero: Pastor le Romeo e Xulieta e descubrimos que dous personaxes da novela comparten situación sentimental e case apelidos cos célebres amantes de Verona.

 

Deste xeito, ademais de intriga policial (non sempre paródica, pois hai algún momento de verdadeira tensión), humor e sátira, temos nesta novela un sutil xogo literario ou metaliterario, o cal tamén é bastante típico do autor. Con tantos temas e ingredientes, que máis se lle pode pedir a Caixa B? Pois inda hai moitas máis cousas, das que poderedes gozar lendo esta magnífica novela.

CAIXA B,  JORGE EMILIO BÓVEDA: amuse-bouche

 

Xavier Queipo

Nestes tempos que corren, o mercado marca as edicións constantes de libros sen que importe a súa valía senón o seu valor, sen que importe se son literatura ou exercicio de amanuenses ilustrados, resulta complexo dar cun libro que satisfaga a un lector, senón esixente, si de longa data. Un lector que ten circulado por varias esferas lingüísticas e que, dalgún xeito, non vai esgotar o seu caudal de lecturas nun só sistema lingüístico.

 

Daquela, entre tanto ruído comercial -esas novidades que na hipérbole cotiá son todas elas obras mestras aínda que despois non cheguen senón a lectura obrigada nos institutos, ese xeito de manipulación consciente ou inconsciente-, e entre as variadas limitacións persoais, resulta complexa a escolla dun libro, pois couta a posibilidade de ler outros varios. Quizais para minguar en parte esa sensación adoito entrar na lectura de varios libros ao mesmo tempo, pois cada un ten o seu espazo e o seu ritmo.

 

Nestes últimos días fun alternando dous, ‘Caixa B’, de Jorge Emilio Bóveda e ‘Historia dos Símplices da medicina oriental’. Un en galego e outro en portugués do século XX, o que entendo como exercicio para mellorar o dominio de ambas as dúas linguas, grafías aparte, que esa é unha leria para especialistas na que non quero entrar... nin saír. Mentres o ensaio sobre as substancias de uso terapéutico entendo que resulta enriquecedor para un dos meus hemisferios cerebrais, o libro de Bóveda, é enriquecedor para o outro. Así teño o cerebro servido de estudos sisudos, que requiren un exercicio de reflexión e, por outra banda, prosa entretida e ocorrente, unha especie de amuse-bouche para os sentidos.

 

Desculpen o galicismo, para entender amuse-bouche ou amuse-gueule, ‘divertimento en boca’ ou ‘divertimento en lingua’, literalmente. Mellor explicar e entender o que non é. Non é un entrante que no restaurante escolle o catador dunha lista, mais ou menos longa de posibilidades. Non. Pola contra é algo que o chef propón e presenta como agasallo para os comensais. Aquí vostedes son os comensais e eu o chef, o que lles vai presentar para o seu divertimento este libro de Jorge Emilio Bóveda.

 

Caixa B é novela entretida e curiosa, narrada en terceira persoa, con todas as tensións narrativas que isto leva aparellado, mesturada de diálogos enxeñosos, que navega entre a novela policial (ou mellor dito, anti-policial, pois se vai mofando de todos os tópicos do xénero), e a novela picaresca, polas situacións que acontecen e as personaxes que pululan polas súas páxinas, representación arquetípica dun retablo de marabillas desta sociedade oca e gregaria na que nos tocou vivir. Hai, como en toda novela que se entenda crónica do seu tempo, un estudo sociolóxico e antropolóxico cultural sobre tipos, modos e maneiras dunha sociedade en decadencia crecente. Hai tamén, por descontado metáforas asustadoras, comparacións gloriosas (miraban a escena coma quen ve parir unha femia de ñu), adxectivacións graciosas, xeografías inventadas (Cala Vera, San Vento) ou aínda referencias icónicas a certos obxectos ou heroes dunha determinada xeración (a do autor), aínda pre-dixital, que xogaba cos Play-Mobil e engulía Nocilla ás culleradas.

 

Centrareime nun só aspecto formal, que a min é o que máis me interesa na prosa, ben máis que a temática. Neste caso resaltaría as enumeracións heteróclitas, de obxectos ou sentimentos diversos, pois son trazos de estilo interesantes neste caso. Como ben saberán, pois entendo que todos vostedes estudaron matemáticas na educación secundaria, por ser esta materia obrigatoria e algúns aínda con gusto, as posibilidades de definir o universo dende o punto de vista da álxebra de Boole son dúas: Facelo por compresión, usando dun parámetro e agrupando arredor todos os elementos dese universo de xeito descritivo, por exemplo, ‘todos os océanos’, ou ‘todos os mares do mundo’. Outro é por extensión, onde se enumeran mares e océanos, describindo así ese universo (Pacífico, Atlántico, Glacial Ártico, Caspio, Mediterráneo, Aral, etc).

 

As enumeracións, os seus diversos tipos, homoxéneas ou heteróclitas, entusiastas ou automáticas, son para min unha marca de estilo (nas varias acepcións da palabra), que eu encontro neste libro. Hai outras, por descontado, mais eu quedeime con esta característica por inhabitual.

 

Voulles recomendar varias enumeracións para que desfruten:

 

  1. Páx. 157-8, o fragmento que vai dende (...) ‘no mundo Ermo tiña que haber ‘... até (...) ‘controladoras, gregarias’.

  2. Páx. 175-6, que vai dende (...) ‘Temos espertadores ultrasónicos’... até (...) ‘que naveguen cara ao esquecemento’...

  3. Páxina 180, que vai dende (...) ‘un muíño holandés en miniatura’... até (...) ‘normais e correntes’.

  4. Páxina 190-1, que vai dende ‘había mausoleos’... até (...) ‘santos mollados’.

 

Hai outros exemplos, por descontado, mais eu tomei estes que ilustran perfectamente o meu punto de vista.

 

Mais alén das marcas estilísticas hai tamén mensaxes, ideas que se transmiten no texto, dende a crítica ao capitalismo até o estrañamento e soidade de individuos desnortados (ou tan centrados que se afastan da norma). Unha das mensaxes políticas máis claras, dalgún xeito premonitoria, é a da crítica en permanencia o sistema político corrupto galego. Ese sistema que, xa saben, permite xerar espécimes como os Baltar (pai e fillo), ou eses presidentes que de Galiza exportamos á meseta e que un non sabe moi ben como puideron chegar aí, coas súas grandes limitacións e as súas mínimas virtudes na oratoria e na retórica. Esa mensaxe di textualmente. Pecho aquí os meus partes ata novo aviso, confiando en que a humanidade siga o seu curso, coma a auga dese río de pensamento único, camiño da extinción. Nestes tempos que corren fálase acotío de extinción, quer das variadas especies que desaparecen cada día, quer daqueles costumes da tribo que desaparecen nunha brétema que o cubre todo, ou quer aínda da propia extinción como persoa, clan ou comunidade. Un exemplo senlleiro desta tendencia é o libro de Marta Dacosta ¨Notas sobre a extinción’, de lectura reveladora.

 

Non sei se despois da lectura destes anacos quedarán con ganas de ler Caixa B. Ese era o obxectivo, mais é ben sabido que cada lector é distinto. Por iso remítolles ao meu texto da “Arte de non recomendar”, así en abstracto, onde se fala do instinto lector na escolla do camiño propio, en fuxir dos consensos que adoitan igualar polo baixo, e en non ter medo a experimentar o que non está nas listas de éxitos. Eu linlles parágrafos que a min me prestaron, mais non sei o gusto de cadaquén e aquí non estou para facer hipérbole, senón para presentar argumentos.

 

Espero, pois que sexan libres e diferentes, que fuxan da tendencia gregaria dos nosos días e que seleccionen así as súas lecturas levados pola intuición e a cata responsábel. Eu deixeille un amouse bouche. Vostedes verán se lles gustou ou non.

NO FARO DE VIGO. CRÍTICA DE XOSÉ FEIXÓ

NA VOZ DE GALICIA

ARTIGO DE XOAN CARLOS D. ALBERTE PARA O XORNAL NÓS

PRESENTACIÓN DE CAIXA B EN OZOCO, DO CARBALLIÑO (OURENSE) O 19 DE ABRIL DO 2024

PRESENTACIÓN  MUSICADA DE CAIXA "B" NO RENQUE DE OURENSE. PRESENTA ABRAHAM VILA, INTERVEÑEN MUSICALMENTE DAVID GÁNDARA E VALKAISSER.

PRESENTACIÓN MUSICADA DE  CAIXA B EN VIGO                                                     CON XAVIER QUEIPO, MÚSICA DE VALKAISSER E DAVID GÁNDARA, 18/01/2024

PRESENTACIÓN CONXUNTA CON XOSÉ DE CEA E FRAN FDEZ DÁVILA NA ASOCIACIÓN GADAFELLOS DO VAL DE NEGREIRA 14/01/24

PRESENTACIÓN NA CASA DE CURROS ENRÍQUEZ DE CELANOVA                        CON VALENTÍN BARREIROS 18/12/23

SINATURAS NO CULTURGAL 2023

PRESENTACIÓN COMPOSTELA CON DIEGO AMEIXEIRAS O MESMO DÍA DA PRESENTACIÓN DUN LIBRO DE PEDRO FEIJOÓ EN COMPOSTELA

PRESENTACIÓN LIBRARÍA TRAMA, LUGO, CON XULIO PARDO DE NEYRA 13/10/23

PRESENTACIÓN LIBRARÍA NOBEL, OURENSE, CON XERARDO MÉNDEZ 22/09/23

NA FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA 2023

CARTACES E FARAMALLADA DIVERSA

REVISTA BIBLOS 123

VÍDEO PROMOCIONAL